Vostede está aquí
Medidas para revitalizar o comercio local do barrio, recuperar as galerías Comerciais
07/04/2014 - 13:20
Medidas para revitalizar o comercio local do barrio, recuperar as galerías Comerciais
Dende hai tempo a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros tratamos de botar unha man para mellorar o pequeno comercio do barrio, somos conscientes da importancia deste sector dentro da economía e a calidade de vida no barrio e vemos con enorme preocupación as grandes dificultades polas que están a pasar.
No Nadal fixemos unha campaña de sensibilización entre os veciños e veciñas para concienciarnos da importancia de facer un consumo responsable e solidario, que pasa por mercar no comercio local apostando por produtos de calidade e polo trato persoal que nos dá o pequeno comercio.
Nos contactos que temos mantido cos comerciantes vemos como unha oportunidade a recuperación das galerías de comerciais para revitalizar o comercio local. Son unhas instalacións que están moi ben situadas, entre a Avenida de Oza e a Rúa da Mercé, e que se lográsemos que funcionasen sería un bo revulsivo para todo o barrio.
Dende o noso colectivo estamos tratando de contactar coa veciñanza e cos comerciantes para elaborar ideas e propostas de como se pode recuperar ese mercado que hoxe está case totalmente inutilizado, procurando que as propostas e ideas que moitas persoas do barrio nos aportan cheguen ás administracións que poden levalas adiante.
Nos vindeiros días procuraremos entregar no Concello documentación con algunha destas propostas que pasan por darlle unha nova vida a esas galerías, mellorando as instalacións, poñendo algunha delas a disposición de parados e paradas a un prezo asumíbel, recuperando algún espazo común para actividades culturais (música, teatro, danza, exposicións...) ou comerciais como pequenos mercadiños de produtos ecolóxicos, de segunda man, artesanía...