Vostede está aquí
Mediana da Avenida de Oza
01/08/2012 - 18:26
Na tarde do 31 de xullo, unha parte da directiva da AAVV Oza Gaiteira Os Castros mantivemos unha xuntanza con algúns concelleiros e técnicos do Concello da Coruña para falar da avenida de Oza, tratando por parte do Concello de xustificar o que para nós é un escandaloso despilfarro de cartos públicos. Poñen a escusa da seguridade para esta obra mais entendemos que é só unha escusa.
Na propia xuntanza solicitamos que os técnicos respondesen se é posible que o camión dos bombeiros poida actuar nesa rúa mantendo a mediana, se o problema fose a altura da mesma pode rebaixarse e deixarse igual que a que existe na avenida de mariña. Non quixeron responder o que para nós deixa ben ás claras que non é imprescindíbel eliminala. O propio informe que nos entregaron indica que as calzas do camión poden instalarse na beirarúa polo que de igual xeito o poderían facer na mediana.
Tamén indicamos que se o motivo fose a seguridade, noutras zonas do barrio, e da cidade, habería que actuar e habería tamén que eliminar moitas prazas de aparcamento mais o Concello indica que non suprimirá prazas de aparcamento para que poida actuar o camión dos bombeiros polo que a seguridade é a escusa só cando convén.
O informe que nos entregan, que non ten máis dunha ducia de follas, foi elaborado en marzo deste ano e recolle na maior parte das páxinas normativa xenérica e fotos ou planos. As propostas limítanse a unhas poucas liñas nas que se indica que se debe eliminar a mediana. Un informe serio e rigoroso debería estar máis fundamentado e propoñer todas as alternativas posíbeis mais non é o caso, semella un informe feito á medida para xustificar estas obras.
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos claro que o que se pretende e volver a rúa a tempos pasados, apostando de novo por esquemas de economía e de cidade que nos meteron nesta grande crise. Pode comprobarse no Plan Xeral onde se aposta outra vez por facer máis vivendas a pesares de todas as que hai valeiras, volvemos outra vez á especulación urbanística.
Dende a nosa asociación tamén lle indicamos que a supresión da mediana non tiña porqué traer máis coches, podían facer o carril bici que levamos anos demandando, unindo o barrio co centro da cidade pero a proposta foi rexeitada o que deixa ben claro cal é o modelo de cidade polo que apostan.
O PP aposta por una barrio con máis coches, máis contaminación ambiental, máis ruído, traéndonos de novo a dobre fila. Apostan por un barrio e unha cidade pensada para os coches e non para as persoas, non lles importa que os veciños e veciñas perdamos calidade de vida, perdamos oportunidades de negocio co pequeno comercio e a hostalaría, eles pensan noutros “negocios” que non son os que nos interesan á maioría da poboación.
É inaceptábel que nos temos que corren, onde dende o Concello se recorte orzamento para educación, para fomento do emprego ou para atender a persoas dependentes, se dilapiden cartos nunha obra inútil coma esta. Gastan os cartos para volver a tempos pasados, tiran os cartos en obras que suporán perder calidade de vida no barrio.