Vostede está aquí

A loita dos Castros por unha boa calidade do aire

O barrio dos castros leva máis de 30 anos loitando contra unha contaminación ambiental que envelena o aire que respiramos todos e todas, loitando contra unhas descargas incontroladas de carbón e outros graneis sólidos que inundan o aire de partículas altamente contaminantes e que afectan gravemente á saúde das veciñas e veciños.

Cada informe que se fai público vén a dar a razón ao noso colectivo veciñal poñendo de manifesto a alta contaminación que padece o barrio, e toda a cidade da Coruña, no que atinxe ao nivel de partículas no aire. Unha contaminación que é moito máis grave do que inicialmente se pensaba, tal e como recoñeceu hai pouco a propia Unión Europea, e que causa multitude de enfermidades e mortes prematuras.

Un informe de Greenpeace recolle como a crise fixo empeorar a saúde ambiental no Estado español, algo que nós tamén levamos tempo denunciando. A política enerxética do Partido Popular, castigando duramente as enerxías renovables, fixo que as descargas de carbón no peirao de San Diego fosen en aumento, mais os controis nesas descargas non se incrementaron senón todo o contrario polo que o barrio segue padecendo un aire inzado de partículas.

A batalla do barrio, e do noso colectivo veciñal Oza Gaiteira Os Castros, para que as administracións (Concello e Xunta de Galicia) se implicasen na defensa dos dereitos da veciñanza non logrou avances en materia de prevención, o que fixeron nalgúns casos foi intentar ocultar a realidade. Vimos como se ocultaron datos dos medidores de partículas en momentos nos que se estaban a facer descargas incontroladas e como esas medicións mudaron á baixa dende unha data determinada o que nos fai dubidar da calibración dos medidores e da posibilidade de que fosen manipulados, tamén deixaron sen publicar os informes do ano 2014.

A AAVV Oza Gaiteira Os Castros seguirá nesta loita porque a vida do barrio está en xogo, non podemos permitir que se salten a legalidade para que algúns obteñan maiores beneficios económicos, o barrio seguirá a reclamar a calidade de vida que merecen os veciños e veciñas. Tamén temos solicitado reunións cos responsables da área de medioambiente do novo goberno municipal para que se impliquen neste grave problema dende o primeiro momento, agardamos maior concienciación e implicación que a que houbo ate agora por parte doutros gobernos, que preferiron mirar para outro lado