Vostede está aquí
IV MARCHA CIVICA POLA DEVOLUCION DA CASA CORNIDE
Sábado, 11 de novembro de 2023. Saída ás 12 horas da praza de María Pita
MANIFESTO
O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, que aínda non se presentou despois de 50 meses. A Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio. O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio.
Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”. A Xunta declaraba BIC a Casa Cornide, pero despois de sete meses segue pechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada. A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar. Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas.
Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura. Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa.
O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade solicitar ao concello da Coruña que retire a Sergio Peñamaría as distincións que ten na nosa cidade. Sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Peñamaría ao fronte dunha Bandeira da Lexión, o Pleno dese concello aprobaba, tamén por unanimidade e a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, pedir ao concello da Coruña que a actual rúa Alcalde Peñamaría leve o nome de Mártires de Valdeorras.
ESIXIMOS AO CONCELLO DA CORUÑA:
- Que presente en novembro de 2023 demanda no xulgado para recuperar a propiedade da Casa Cornide.
- Que inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica, a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día.
- Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
- Que se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática:
- DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE RELACIÓN PROVISIONAL DE ENTIDADES QUE APOIAN:
- Defensa do Común
- Asociacións Veciñais: Agra Orzán
- Gaiteira-Os Castros, IAR-Castrillón
- Monte Alto, Cidade Vella
- San Cristobal das Viñas-Birloque, Eirís
- A.C. Alexandre Bóveda
- O Facho, Amigos dos Museos de Galicia
- Proxecto Cárcere, C.S. Gomes Gaioso
- A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada
- Plataforma en Defensa da ría de Sada-Betanzos
- Acampa
- Vangarda Obreira
- Forum Propolis
- Galiza Nova
- Erguer
- BNG
- Podemos
- Unión Republicana
- DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE RELACIÓN PROVISIONAL DE ENTIDADES QUE APOIAN: