Vostede está aquí
Hoxe día 10 fixemos a entrega de 1320 sinaturas de apoio ao comecio do barrio
10/06/2014 - 13:47
Dende hai tempo a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros tratamos de botar unha man para mellorar o pequeno comercio do barrio, somos conscientes do peso deste sector dentro da economía e da súa importancia para a mellora da calidade de vida no barrio, e vemos con enorme preocupación as grandes dificultades polas que están a pasar.
Nos contactos que temos mantido cos comerciantes vemos como unha oportunidade a recuperación das galerías comerciais para revitalizar o comercio local. Son unhas instalacións que están moi ben situadas, entre a Avenida de Oza e a Rúa da Mercé, e que se lográsemos que funcionasen sería un bo revulsivo para todo o barrio.
Dende o noso colectivo estamos contactando coa veciñanza e cos comerciantes para elaborar ideas e propostas de como se pode recuperar ese mercado que hoxe está case totalmente inutilizado, procurando que as propostas e ideas que moitas persoas do barrio nos aportan cheguen ás administracións que poden levalas adiante.
É necesario darlle unha nova vida a esas galerías, para iso hai que mellorar as instalacións e procurar que o 100% das mesmas se utilicen. O Concello pode elaborar un convenio cos propietarios das galerías comerciais para realizar esa mellora e ao mesmo tempo lograr a cesión dunha parte das instalacións.
Coa parte que se ceda ao Concello, a administración local pode realizar multitude de actuacións que revitalicen o comercio e axuden á creación de emprego no barrio, algunhas delas poden ser:
-
Poñer postos comerciais a disposición de parados e paradas a un prezo asumíbel, permitindo que se poidan abrir postos que hoxe están pechados.
-
Crear un espazo para “coworking”. No barrio non existe ningún, falamos dun modelo de actividade que permite que diversos profesionais poidan establecer un punto de traballo e de contacto comercial a un prezo baixo, ao mesmo tempo que colaboran entre eles para lograr incrementar a actividade económica.
-
Crear un espazo común para actividades culturais (música, teatro, danza, exposicións...) e tamén comerciais como pequenos mercadiños de produtos ecolóxicos, de segunda man, artesanía.. Deste xeito tamén apostamos por un modelo de consumo de proximidade máis ecolóxico e sustentable.
Outra das grandes preocupacións dos comerciantes do barrio é a falta de crédito o que moitas veces os leva a unha situación límite. Sería necesaria unha liña de microcréditos que lles permita afrontar pequenos pagos que, aínda sendo de cantidades económicas reducidas, ás veces os levan a ter que pechar o comercio.
Entendemos que existen moitas maneiras de poñer en marcha esta liña de microcréditos, tanto a través dun organismo público como o Igape ou en colaboración cunha entidade financeira que poida establecer un convenio co Concello. Só é cuestión de vontade política e de implicación na mellora do pequeno comercio.
Dende o noso colectivo fixemos hoxe 10 de xuño as 11:30 horas no rexistro do concello da Coruña , a entrega de 1320 sinaturas recollidas no barrio na que solicitamos as administracións que adopten medidas de apoio ao comercio local do barrio, na entrega de ditas sinaturas contamos co apoio dos grupos municipais da oposición