Vostede está aquí
Estrea do Documental Mar de Oza: Maxinando o futuro
Na actualidade estase a discutir o futuro dunha parte dos terreos portuarios da cidade da Coruña, que se liberarán co traslado de instalacións ao porto exterior de Punta Langosteira. As administracións e a Autoridade Portuaria estanse a reunir para tratar o asunto, pero os verdadeiros propietarios dos terreos, a veciñanza, non está sendo
consultada e iso non podemos permitilo. Desde a AAVV Oza Gaiteira Os Castros sabemos que o que se está a discutir marcará, non so o futuro do barrio senon de toda a cidade, e non se pode tomar esta decisión sen unha consulta aberta e democrática.
O proxecto Mar de Oza: De San Diego ás Xubias iniciouse en setembro de 2018 cun debate,no que participaron expertos en diferentes eidos, abordando a problemática do litoral de Oza e as posibles solucións. Posteriormente realizouse un roteiro, no mes de outubro, onde se percorreu gran parte da costa que vai desde o peirao de San Diego ata o barrio das Xubias, ilustrando o cambio sufrido nesta zona ao longo dos anos e explicando, sobreo terreo, os cambios que están plantexados para o futuro.O documental Mar de Oza: Maxinando o futuro recolle parte do que se falou durante estasactividades, así como unha serie de entrevistas realizadas posteriormente. O obxectivo desta peza audiovisual é facer visible aos habitantes da Coruña a situación histórica que estamos a vivir, que pode cambiar a forma de desfrutar a nosa cidade. Pretende espertar a conciencia da sociedade coruñesa, para poder levar a cabo un proceso transformador e de mellora para todas e todos.
O documental estrearase o vindeiro 12 de decembro ás 19:00h no C.C. San Diego. No acto haberá unha actuación musical en directo da man de Miro Casabella.