Vostede está aquí

Escrito ó SEPRONA

Veciñanza dos Castros volve a transmitir as súas queixas á nosa asociación polo xeito de realizar as descargas no porto, amoreando carbón e cereal no peirao o que en días ventados coma os desta semana provocan novamente problemas de saúde a moitos veciños e veciñas.
Na asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros volvemos recibir queixas da veciñanza polas molestias que a contaminación por partículas está a causar na saúde das persoas, especialmente aquelas que teñen alerxias ou enfermidades respiratorias coma asma que se ven obrigadas a acudir ás urxencias do CHUAC.
Tanto as fotos que nos mandan como os mesmos medidores da autoridade portuaria confirman que a alta contaminación no aire está provocado polo xeito en que se están a facer as descargas, incumprindo claramente o protocolo de actuación que a propia autoridade portuaria ten establecido para realizar as descargas e amoreando o material – carbón e cereal – ao aire libre no peirao o que provoca masivas liberacións de partículas ao aire.
Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros denunciaremos esta contaminación todas as veces que faga falla, a saúde dos veciños e veciñas do barrio está en xogo, e poremos en evidencia a complicidade das administracións que prefiren mirar para outro lado mentres a autoridade portuaria antepón os intereses económicos á saúde das persoas.
O protocolo de actuación indica como deben facerse as descargas para evitar a liberación de partículas no ar, indica tamén cando hai que parar as descargas se o vento supera unha certa velocidade, pensamos que se está a incumprir claramente. Ademais volve amorearse o material ao aire libre co que supón para a contaminación dos Castros.
Polas reunións que temos mantido coa autoridade portuaria, non temos ningunha confianza en que poñan as medidas necesarias para evitar esta situación, e parécenos escandaloso que as autoridades que deben defender os intereses dos veciños e veciñas, e velar pola súa saúde, non fagan nada por evitar toda esta contaminación.
Dende o noso colectivo, ante o desleixo das administración publicas en defensa da saúde da veciñanza e do medio ambiente, o día 20 de maio presentamos  un escrito solicitando ao Seprona que proceda a realizar os trámites necesarios aos efectos de verificar, determinar e paralizar de xeito inmediato todas aquelas actividades que, incumprindo algunha normativa vixente ou o protocolo específico de actuación nas descargas portuarias, provoque dano ao medio ambiente, impoñendo as sancións pertinentes a todos os que resulten responsables de xeito directo ou indirecto.