Vostede está aquí

E O CONCELLO DA CORUÑA MIRANDO PRA OUTRO LADO

Dende a nosa Asociación de Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar a situación dos diversos solares e construcións en estado ruinoso e/ou de abandono que, agardando pola mellor oportunidade para a súa venda nun mercado puramente especulativo, salpican a nosa contorna.


Hoxe en día supoñen en moitos dos casos, un perigo para as xentes que por entre eles pasean ou circulan, casas que superan os 30 ou 40 anos, solares invadidos de maleza e lixo, espazos polo tanto, idóneos para pragas de roedores, ou calquera outro tipo de bechos..


Nun primeiro termo habería que darlle a posibilidade aos donos da posta en orde das súas propiedades, limpándoas ou eliminando as ruínas. É preciso e urxe evitar calquera tipo de accidente que logo teñamos que lamentar.


Un grande número de casas vellas con carteis de próximas construcións nun mercado sen futuro a curto prazo, tamén casas a medio facer por mor daquela burbulla da construción, como é o caso da zona do Montiño, onde coma nun deserto futurista, vense os sacos de cemento e os ladrillos estercados polas estructuras pantasmas de edificios sen futuro próximo, ou espazos convertidos en estercoleiros improvisados aos cales o Concello da Coruña non quere mirar


Moitos destes espazos ben poderían ser reutilizados coma leiras urbanas onde as persoas maiores ou desempregados e desempregadas do barrio puideran sacarlle partido desfrutando delas e vendendo os produtos que nelas sementasen, ou ben pra a restauración e posta en valor das edificacións, este sería o exemplo da nosa proposta coa que foi antiga Casa do Concello, situada na rúa Montes e que está a piques de virse abaixo de non poñer remedio o Concello da Coruña. Cremos que é unha solución xusta pra as xentes que lembran aínda o que foi o seu Concello, devolvámoslla entón coa dignificación que merecen tamén aqueles alcaldes e corporacións municipais que fixeron o que mellor puideron por Oza.