Vostede está aquí

DILAPIDAN OS CARTOS EN OBRAS INNECESARIAS

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar o despilfarro inxustificado que supón a retirada da mediana da avenida de Oza. Nesta época de profunda crise económica, onde o Concello ten recortado partidas para educación, fomento do emprego ou dependencia, é obsceno que se dilapiden máis de 200.000€ (máis de 33 millóns de pesetas) en desfacer o que outros fixeron.
É mentira que a rúa non sexa segura ou que incumpra normativa algunha en canto a seguridade. Que non nos enganen!!!
Non é certo que sexa necesaria a eliminación da mediana.
Calquera obra pode ser mellorada e neste caso poden rebaixar a altura da mediana se queren darlle maior operatividade aos camións dos bombeiros, poden mover algunha parada do autobús ou outros elementos como os colectores do lixo. Medidas moito máis económicas e que non supoñen a retirada do corredor verde, arrincando todas as árbores que se plantaron e dilapidando cartos a esgalla.
Aínda facendo esta atrocidade poderían aproveitar o espazo para instalar un carril bici que conecte o barrio co centro da cidade. Hai moitas alternativas mais o Concello opta por retroceder no tempo e volver coa dobre fila, o tráfico excesivo, a contaminación e o ruído, perdendo calidade de vida no barrio.
Teiman nun modelo de cidade fracasado, pensado para os coches e non para as persoas. Na AAVV Oza Gaiteira Os Castros traballamos para facer barrio e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, ante este despilfarro e esta volta atrás para o barrio non podemos ficar calados.