Vostede está aquí

Denucia Publica


Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, conscientes da nosa responsabilidade no traballo diario pola mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, temos a obriga de denunciar o lamentable estado do parque de San Diego. Este espazo, que debería ser un auténtico pulmón verde do barrio, estáse a deteriorar cada día pola falla de interés das administracións.

A situación do parque, ao carón dos depósitos da cementeira e de Repsol, entre as vías do tren e a gasolineira, necesitaría da instalación de maiores pantallas vexetais para illar acusticamente este espazo verde; a case inexistente barreira vexetal ou a precaria separación cos camiños de ferro, non cumpren coa súa función e no parque hai un excesivo ruído ambiental, co perigo para a saúde que iso supón.

Temos que denunciar tamén o estado do chan na zona próxima aos xogos dos nenos, con filtracións de auga e moitas fochancas. Non podemos esquecer a canastra que se situou ao carón da rúa de entrada ao aparcadoiro da piscina, unha instalación que non serve para a práctica do baloncesto, polo reducido espazo que ten, e que é un perigo para os nenos por estar tan preto da circulación de vehículos.

É unha mágoa que o que puidera ser un potente pulmón vexetal, moi transitado por ser o camiño que boa parte da veciñanza emprega para ir á praia de Oza, se quede nun espazo con moi poucas árbores e case sen instalacións para o lecer. Hoxe hai que procurar que os espazos de lecer se adapten a todas as idades, está moi ben poñer xogos para os máis pequenos pero é necesario que os parques sexan lugares de encontro, polo que se precisaría tamén de instalacións para o uso de maiores como poden ser canchas de chave, bolos, mesas para xogos e algún espazo cuberto. Debería facerse unha senda verde, para peóns e bicicletas, con acceso á praia de Oza, substituíndo a actual pasarela por outra máis acaída.

Dende esta AAVV instamos ao concello a facer unha reforma como é debido de todo este espazo, o investimento neste tipo de infraestruturas mellora a calidade de vida, creo emprego e revitaliza os barrios. É necesario que se estuden propostas de actuación, con proxectos nos que participe a cidadanía e o barrio poida aportar as súas ideas.