Vostede está aquí

Chapuzas na Gaiteira

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos trasladar as queixas da veciñanza polo xeito de executar as obras da Gaiteira, seguimos con máis chapuzas que neste caso provocaron dous accidentes de certa gravidade.  As persoas accidentadas precisaron atención hospitalaria de urxencia, unha delas tivo que ser mobilizada nunha ambulancia.


As présas por abrir a rúa obrigaron á empresa que está a facer as obras a instalar unhas pranchas de madeira para tapar os ocos onde se instalaran as xardineiras. Estas pranchas non teñen a consistencia necesaria para instalarse na rúa e ao pouco tempo de instaladas comezaron a afundirse, poñendo en perigo as persoas que transitan pola rúa.


Despois de provocar os dous accidentes a Policía Local acordou cada un dos ocos tapados de xeito tan chapuceiro para evitar máis accidentes, o noso colectivo non entende como se pode ser tan irresponsable para poñer en perigo as persoas deste xeito.


Como temos denunciado en máis dunha ocasión as obras foron moi mal planificadas, ocasionándolle moitas perdas económicas á hostalaría e ao comercio local da rúa, perdendo todo o verán e agora tamén esta época de Nadal. Querer abrir a rúa na súa totalidade para estas festas cando as obras non están rematadas foi unha actuación totalmente irresponsable.