Vostede está aquí

Apoio ao pequeno comercio

Dende hai tempo a Asociación Veciñal  Oza Gaiteira Os Castros tratamos de botar unha man para mellorar o pequeno comercio do barrio, somos conscientes do peso deste sector dentro da economía e da súa importancia para a mellora da calidade de vida no barrio, e vemos con enorme preocupación as grandes dificultades polas que están a pasar.

Nos contactos que temos mantido cos comerciantes vemos como unha oportunidade a recuperación das galerías comerciais para revitalizar o comercio local. Son unhas instalacións que están moi ben situadas, entre a Avenida de Oza e a Rúa da Mercé, e que se lográsemos que funcionasen sería un bo revulsivo para todo o barrio.

Dende o noso colectivo estamos contactando coa veciñanza e cos comerciantes para elaborar ideas e propostas de como se pode recuperar ese mercado que hoxe está case totalmente inutilizado, procurando que as propostas e ideas que moitas persoas do barrio nos aportan cheguen ás administracións que poden levalas adiante.

É necesario darlle unha nova vida a esas galerías, para iso hai que mellorar as instalacións e procurar que o 100% das mesmas se utilicen. O Concello pode elaborar un convenio cos propietarios das galerías comerciais para realizar esa mellora e ao mesmo tempo lograr a cesión dunha parte das instalacións.

Coa parte que se ceda ao Concello, a administración local pode realizar multitude de actuacións que revitalicen o comercio e axuden á creación de emprego no barrio, algunhas delas poden ser:

  • Poñer postos comerciais a disposición de parados e paradas a un prezo asumíbel, permitindo que se poidan abrir postos que hoxe están pechados.
  • Crear un espazo para “coworking”. No barrio non existe ningún, falamos dun modelo de actividade que permite que diversos profesionais poidan establecer un punto de traballo e de contacto comercial a un prezo baixo, ao mesmo tempo que colaboran entre eles para lograr incrementar a actividade económica.
  • Crear un espazo común para actividades culturais (música, teatro, danza, exposicións...) e tamén comerciais como pequenos mercadiños de produtos ecolóxicos, de segunda man, artesanía.. Deste xeito tamén apostamos por un modelo de consumo de proximidade máis ecolóxico e sustentable.

Outra das grandes preocupacións dos comerciantes do barrio é a falta de crédito o que moitas veces os leva a unha situación límite.

Sería necesaria unha liña de microcréditos que lles permita afrontar pequenos pagos que, aínda sendo de cantidades económicas reducidas, ás veces os levan a ter que pechar o comercio.

Entendemos que existen moitas maneiras de poñer en marcha esta liña de microcréditos, tanto a través dun organismo público como o Igape ou en colaboración cunha entidade financeira que poida establecer un convenio co Concello.

Só é cuestión de vontade política e de implicación na mellora do pequeno comercio.