Vostede está aquí
17 de maio Dia das Letras Galegas
A plataforma Queremos Galego! fai un chamamento a realizar un gran acto nacional o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego” na praza do Obradoiro de Compostela. Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada polo que precisamos que te inscribas.
Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.
Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.
A sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Como a Iniciativa Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en lingua galega, nomeadamente para a infancia e a mocidade.