Vostede está aquí

Sobre o simulacro que o Concello realizou na avenida de Oza


Sobre o simulacro que o Concello realizou na avenida de Oza, a AAVV Oza Gaiteira Os Castros quere comentar o seguinte:
Nas fotos publicadas nos medios de comunicación apréciase perfectamente que o camión dos bombeiros está equipado cuns estabilizadores que poden salvar alturas como a dunha mediana sen problemas, é máis que evidente por moitas voltas que lle queira dar o Concello. O xefe dos bombeiros nunca dixo que o camión non puidese actuar coa mediana, teno repetido en multitude de ocasións, o informe ao que tanto alude o Concello non está asinado polo xefe dos bombeiros.

Está moi ben facer simulacros para preparar aos equipos de emerxencias, iso mesmo foi o que dende esta asociación se lle pediu ao Concello: que fixese un simulacro antes de retirar a mediana, que demostrase con feitos que era imprescindible arrincar todas as árbores, pero non se fixo. Facelo agora, despois de terse negado a facelo antes, pon en evidencia ao Concello, unha mostra máis de que todo foi un despilfarro innecesario.
Polos datos que temos sobre a reforma da rúa da Gaiteira, observamos como se crea unha mediana en case toda a rúa, formada por macetas, farolas e bancos. É unha tomadura de pelo que gasten os cartos en retirar unha mediana e monten outra na rúa paralela, á que dan os mesmos edificios e sobre a mesma rasante do chan. Unha mostra máis da falta de criterio,credibilidade, de rigor e de coherencia nas actuacións do goberno do PP.