Vostede está aquí

Sobre o Faro de OZA

Dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, queremos manifestar o seguinte:
Levamos moitos anos denunciando o estado de abandono do faro de Oza. O faro, construído a principios do século XX, mantén un estado lamentable de conservación, froito da incompetencia das administracións públicas para manter, defender e poñer en valor o noso patrimonio.
En calquera país europeo esta situación sería inconcibible, ningunha administración deixaría un patrimonio de tanto valor en estado de abandono. Se non poñemos remedio, o noso barrio perderá unha das súas sinais de identidade, froito da incompetencia das administracións e da política especulativa da autoridade portuaria, preocupada só polo seu beneficio económico.
Non comprendemos como un patrimonio deste valor pode estar baixo a tutela da autoridade portuaria, non entendemos como se pode deixar este patrimonio, moi anterior á propia autoridade portuaria, en mans dunha entidade privada.
Dende a nosa asociación temos expresado en moitas ocasións que o faro debería ter un uso social, devolvéndolle aos veciños e veciñas este patrimonio. Hoxe queremos reivindicar unha vez máis esta esixencia, é posible facelo se as administracións teñen vontade.
Polo que solicitamos un convenio de colaboración donde se incluiria  a cesión de dito espazo público para uso da nosa entidade veciñal, compartida  coa Confraría de pescadores  da Coruña, parécenos que é de xustiza que un colectivo social como o noso e  a confraría poidan recuperar esta xoia do noso barrio.
Enviamos esta solicitude dende a nosa asociación veciñal co apoio da  Confraría, para facer un uso compartido do faro de Oza. A recuperación e posta en valor do faro, para ser usado con fins formativos e profesionais por parte da Confraría, e con fins educativos e sociais por parte dos veciños e veciñas do barrio, é a mellor maneira de darlle valor a este patrimonio.
Dende a nosa opinión, a Confraría da Coruña, unha entidade social instalada na cidade dende hai moitos anos pois veñen do antigo gremio dos mareantes; e a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, instalada no barrio dende os anos setenta, son os colectivos que poden darlle o uso social que debe ter o faro de Oza. É de xustiza poñer este patrimonio ao servizo das persoas e non de entidades privadas.