Vostede está aquí

A reforma da rúa da Gaiteira

A reforma da rúa da Gaiteira

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros levamos moito tempo demandando unha reforma integral da rúa da Gaiteira, que remate dunha vez con todas as chapuzas que se teñen feito, lousas rotas que se retiran e se substitúen por chapapote, farolas ou bancos que se retiraron sen ser substituídos, etc.
Dende a nosa asociación entendemos que esta obra debe facerse coa menor inversión posible e creando o maior número de postos de traballo posible. Pola información que recibimos semella que nin unha cousa nin a outra. Nós entendemos que no actual contexto de crise, onde se nos recortan dereitos e servizos á cidadanía, cebándose coas capas da poboación máis indefensas; os gastos en obras deben ser extremadamente escrupulosos.
Gastar case un millón de euros nesta reforma semella excesivo, habería que facer un estudo a conciencia para non substituír elementos que se atopen en bo estado, evitando gastar cartos innecesariamente. O feito de que as obras se prolonguen 11 meses tamén indica que se contratará pouca man de obra, probablemente coa intención de que a empresa obteña grandes beneficios. Prolongar as obras tanto tempo ocasionará graves prexuízos para o comercio local e molestias para toda a veciñanza do barrio.
O borrador do que dispoñemos na asociación, mostra unha mediana na propia rúa da Gaiteira, creada con árbores, bancos e farolas. Isto é outra mostra de que a escusa da seguridade para retirar a mediana da avenida de Oza é mentira pois os edificios dan ás dúas rúas. Semella unha tomadura de pelo á cidadanía tirar os cartos en desfacer a mediana da avenida de Oza e montar outra na rúa da Gaiteira, así llo temos expresado ao Concello mais teiman neste despropósito.

A cidadanía esixe transparencia na adxudicación de obras, cousa que non pasou na obra para a retirada da mediana da avenida de Oza e moito nos tememos que pode pasar igual coa reforma da rúa da Gaiteira. Pode acabar a obra en mans de empresas amigas, sen transparencia no proceso de adxudicación, esta asociación estará atenta a todo o proceso para denunciar calquera cacicada como pasou co edificio da Citroen