Vostede está aquí

A REFORMA DA GAITEIRA



Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros tivemos acceso a un novo borrador do proxecto de reforma da rúa da Gaiteira onde se eliminan e moven algúns elementos do mobiliario urbano situado no centro da rúa. Nesta modificación queda en evidencia que a veciñanza e o comercio local ten razón na súa demanda pois non ten sentido instalar todo ese mobiliario no medio da rúa.
Calquera persoa que colsulte o borrador pode comprobar que hai mobiliario urbano (macetas, faroles e bancos) que, ao instalarse no centro da rúa, crean barreiras para o paso das persoas e para a instalación das terrazas. A situación do mobiliario urbano existente agora, por certo en bo estado e que non se precisaría substituír, é moito máis lóxica e racional, permitindo o disfrute da rúa por parte de todos.
A rúa precisa dunha reforma pero esta ten que servir para reactivar o comercio local e mellorar a calidade de vida no barrio, así o están a expresar as miles de sinaturas recollidas. Dende a nosa asociación instamos, unha vez máis, ao Concello a consensuar a reforma, escoitando a opinión de todos.
Queremos unha rúa para as persoas, para ter espazos de lecer e para mellorar o comercio local, para que as nenas e nenos poidan xogar libremente sen o perigo que supón o tráfico rodado e para que os nosos maiores poidan pasear tranquilamente. Por ese motivo esiximos que non se instale todo ese mobiliario urbano no medio da rúa, ese mobiliario ten que instalarse de xeito similar ao que ten agora, non creémos barreiras onde hoxe non as hai.