Vostede está aquí

QUEREMOS UN BARRIO DE PRIMEIRA

 QUEREMOS UN BARRIO DE PRIMEIRA
Nas cidades europeas hai unha grande preocupación pola contaminación ambiental, o principal causante é o tráfico rodado e por este motivo lévanse adiante políticas que tratan de reducir o número de coches que circulan cada día polas súas rúas, apostando por outros medios de transporte; xa sexa transporte colectivo (bus, tranvía, barco...) ou outros outros medios alternativos como a bicicleta ou o desprazamento a pé pola cidade.
Na Coruña temos un goberno que fai o contrario, a pesar de ser tamén o tráfico un dos grandes problemas da cidade. Na avenida de Oza están a arrincarse as árbores e toda a zona verde da mediana para facerlle sitio aos coches, aquí imos cara atrás, con políticas que lonxe de preocuparse pola calidade de vida dos veciños e veciñas, apostan por incrementar o tráfico, aumentando deste xeito a contaminación, o ruído (contaminación acústica), a dobre fila...
Pero esta volta cara atrás non se dá en tódolos barrios da cidade, hai barrios de primeira como a zona da Mariña e o Parrote, onde manteñen unha mediana como a que están a desfacer na avenida de Oza e incluso se gastarán 14 millóns de euros en soterrar o tráfico, eses deben ser veciños de primeira e polo visto nos Castros non merecemos ese trato. A nós resérvannos a contaminación e o tráfico de coches, para eles os paseos e o aire limpo.
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar este trato discriminatorio e tamén denunciamos que para levar adiante esta desfeita teñan que botar man de mentiras e manipulacións. O propio informe técnico do Concello afirma que os camións dos bombeiros poden usar a beirarrúa para operar polo que do mesmo xeito se pode usar a mediana. O goberno pretende cargarlle as responsabilidades desta desfeita aos bombeiros mais a cidadanía non traga esta mentira.