Vostede está aquí

Queremos solidarizarnos cos veciños e veciñas de Montealto

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos solidarizarnos cos veciños e veciñas de Montealto e denunciar publicamente o comportamento do PP no que ten a ver cos colectivos veciñais.


A actuación do goberno municipal no tema da biblioteca, que mantiña aberta a AAVV de Montealto dende os anos 80, deixa ben ás claras como actúa o Sr Negreira. Cando se fala do caciquismo do Sr Baltar conviña que se botase un ollo ao que está pasando na cidade da Coruña.


Coa chegada ao poder do Sr Negreira, o PP promove e colabora na creación de colectivos veciñais de marcado caracter político e vinculados ao PP, así o teñen recoñecido algúns dirixentes destas novas entidades. Para que se poidan poñer en marcha dálles cartos a esgalla, a pesar de que non teñen actividades para os veciños, presuntamente  reciben moitas subvencións para que fagan traballo político para o PP.




O trato que se nos dá ás entidades que levamos máis de 30 anos facendo traballo social nos barrios, non ten nada que ver. Neste caso bótase man da mentira e da manipulación, da prepotencia e o despotismo, do sectarismo e partidismo... Así podemos ver como se negan reiteradamente a recibir a algunhas entidades, como se retiran pancartas pola forza cando non lle gustan ao Sr Negreira e como se liquidan convenios que permitían ofrecer un servizo coma o da biblioteca.



Algúns temos claro que o tecido asociativo é fundamental nunha sociedade democrática e do benestar, polo seu papel socializador e dinamizador, por tecer redes de colaboración e fomentar as relacións entre a veciñanza, polo traballo colectivo para mellorar a calidade de vida nos barrios... Todos estes obxectivos sóbranlle ao PP que só está preocupado por liquidar as auténticas asociacións veciñais e poñer en marcha redes caciquís para o trafico de favores e o traballo político.