Vostede está aquí

POR UN TRANSPORTE PUBLICO DIGNO

Plano de mobilidade
O fomento do uso do transporte público debera ser unha prioridade por parte das administracións. O transporte colectivo reduce a contaminación das cidades, desconxestiona o tráfico aforrando tempo nos desprazamentos e consume moito menos enerxía.
O uso do autobús, metro lixeiro e outros medios colectivos de transporte, reporta beneficiosos para a cidadanía, beneficios económicos, sociais e medioambientais. Impulsar o seu uso é fundamental para conseguir unha mobilidade sostible.
É necesario que se faga un plan integral de mobilidade, apostando polos desprazamentos en transporte colectivo ou por outros medios non contaminantes, desprazamentos a pé ou en bicicleta, tomando medidas que eviten o incremento de coches nas cidades. Como temos repetido en moitas ocasións, os barrios e as cidade deben estar pensadas para as persoas e non para os coches.
Un autobús pode substituír entre catorce e trinta coches, pero para que os usuarios se animen a cambiar de medio de transporte e utilicen o autobus tería que ser eficaz, rápido e a un bo prezo.
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, ante o lamentable transporte público do que dispoñemos, especialmente no que atinxe ao noso barrio, instamos ao Concello a mellorar este servizo, aumentando as frecuencias e as liñas pois é inexplicable que non haxa conexións con algúns puntos como os polígonos industriais.

Tamén habería que mellorar a flota de vehículos, apostando polos buses híbridos e mellorando a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. Non entendemos como unha empresa como a compañía de tranvías, que recibe millóns de euros por parte do Concello e declara beneficios millonarios, pode dar un servizo tan precario.