Vostede está aquí

Por un novo movemento veciñal

Hai bastante tempo que dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros vimos falando da necesidade dunha profunda transformación da Federación de Asociacións Veciñais, dende o noso punto de vista está afastada dos problemas dos veciños e veciñas e non está sendo útil para o que debería ser un colectivo veciñal, semella máis preocupada por arrogarse unha representatividade cada vez máis cuestionada que en estar ao carón das persoas para defender os intereses dos barrios.
Na Asemblea celebrada a pasado venres 11 de abril, o noso colectivo fixo unha profunda crítica da labor realizada pola directiva da Federación, indicando que é necesario traballar doutra maneira, insistimos en que non podemos estar calados cando dende o goberno municipal se está creando unha rede de asociacións pantasma, inxectándolle cartos a moreas, coa intención de liquidar o movemento veciñal existente e substituílo por unha rede caciquil ao seu servizo. Hai exemplos en moitos barrios, especialmente naqueles nos que o movemento veciñal sempre mantivo un comportamento critico, activo e reivindicativo, con forte presenza na vida do barrio.
Tampouco entendemos que, no momento de grave crise económica e social que padecemos, a Federación non estea máis presente nas denuncias e mobilizacións que se están a producir nos barrios. O goberno do Sr Negreira ten un concepto de cidade que pasa por converter os barrios en estradas de acceso ao centro, temos os exemplos da retirada da mediana da Avda de Oza ou da barbaridade que se está a construír no Birloque, todo para facilitar que os vehículos particulares poidan acceder ao centro onde se lles construirá aparcadoiros subterráneos.
Vemos como se dilapidan millóns de euros a esgalla nunhas obras innecesarias coma as do Parrote, cando moitas familias non poden cubrir as necesidades máis básicas, cando o comercio local dos barrios está pasando un momento crítico, cando seguimos a desmantelar tecido produtivo polos catro costados, o goberno do PP dilapida os cartos en formigón e chapapote.
O barrio dos castros leva moitos anos loitando contra unhas descargas de carbón que están envelenando o barrio, cunha Autoridade Portuaria que pon os beneficios económicos por riba da saúde dos veciños e veciñas. Son incontables as veces que o temos denunciado dende o noso colectivo veciñal e sempre nos preguntamos onde está a Federación. É inconcibible que estando presente a Federación no foro Ambiental  da Autoridade Potuaria do Porto da Coruña non teña defendido ao barrio dos Castros na súa loita contra a contaminación.
O ambiente da Asemblea da Federación na reunión do pasado venres non animaba a acadar consensos á hora de analizar o labor da Directiva pero a gota que colmou o vaso foi que a directiva propuxese vetar ao Frente Cívico na Plataforma en defensa da Sanidade Pública, unha proposta totalmente antidemocrática que inexplicablemente chegou a votarse. Nese intre o noso colectivo decidiu abandonar a asemblea e non seguir nunha xuntanza onde se pretende aplicar o veto a outros colectivos.
Dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros pensamos que é o momento de construír ferramentas útiles para a defensa dos dereitos das veciñas e veciños, hoxe a Federación non é un instrumento válido e nós faremos o posible por buscar esas ferramentas de xeito colectivo e colaborativo, dirixíndonos a aqueles colectivos que nos movemos dentro dos loitas pola defensa dos dereitos das maiorías sociais.