Vostede está aquí

POR TRANSPORTE PUBLICO EFICAZ RÁPIDO E A BO PRECIO

Plano de mobilidade
Dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, ante as queixas dos veciños e veciñas polo lamentable servizo de transporte público do que dispoñemos, especialmente no que atinxe ao noso barrio, instamos ao Concello a melloralo esixíndolle á compañía de tranvías prestar un servizo como é debido.
Cómpre aumentar as frecuencias e as liñas pois é inexplicable que non haxa conexións con puntos como os polígonos industriais, hai zonas da Rolda de Outeiro e da rúa da Merce sen transporte publico, tamén instamos ao concello que faga un plan de accesibilidade e modificación do sentido de circulación nalgunhas das rúas do barrio.
Dende a Asociación veciñal apostamos polo transporte público e consideramos que o fomento do uso do transporte público debera ser unha prioridade por parte das administracións. O transporte colectivo reduce a contaminación das cidades, desconxestiona o tráfico aforrando tempo nos desprazamentos e consume moito menos enerxía.
O uso do autobús, metro lixeiro e outros medios colectivos de transporte, reporta beneficiosos para a cidadanía, beneficios económicos, sociais e medioambientais. Impulsar o seu uso é fundamental para conseguir unha mobilidade sostible.
É necesario que se faga un plan integral de mobilidade, apostando polos desprazamentos en transporte colectivo ou por outros medios non contaminantes, desprazamentos a pé ou en bicicleta, tomando medidas que eviten o incremento de coches nas cidades. Como temos repetido en moitas ocasións, os barrios e as cidades deben estar pensadas para as persoas e non para os coches.
Un autobús pode substituír entre catorce e trinta coches, pero para que os usuarios se animen a cambiar de medio de transporte e utilicen o autobús tería que ser eficaz, rápido e a un bo prezo.