Vostede está aquí

plan de mobilidade

Dende a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros, ante as queixas dos veciños e veciñas, queremos expoñer varias cuestións sobre a mobilidade no noso barrio:
AS PRIORIDADES DOS MODOS DE MOBILIDADE URBANA ESTÁN INVERTIDAS:
Estamos pensando na enorme e profundamente inxusta desproporción que existe na consideración, tanto real como oficial, dos distintos tipos de mobilidade, nos supostos dereitos adquiridos polo vehículo individual, polo turismo, sobre todos e cada un dos demais medios de desprazamento.
Este é o grande problema de fondo e que está lastrando a eficacia de todas e cada unha das medidas que se tratan de aplicar para mellorar a mobilidade e a seguridade urbana, así como redundando nunha preocupante diminución da calidade urbana, da calidade de vida na nosa cidade e no noso barrio.
Unha vez mais vemos como o goberno municipal toma decisións sen consultar nin ter en conta a opinión da veciñanza, neste caso cambiando a sinalización e o sentido da circulación dos vehículos en varias rúas do barrio.
Dende a nosa asociación veciñal instamos ao goberno municipal a que antes de facer modificacións como as que están a facer agora, presente un plan de mobilidade para todo o barrio, e que dito plan sexa consensuado coa veciñanza. Un plan que contemple todos os modos de desprazamento, fomentando e priorizando o desprazamento a pé ou en bicicleta, así como o transporte colectivo. O resto é poñer parches para non dar arranxado os problemas.