Vostede está aquí

OUTRA VEZ AS DESCARGAS

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos que volver a denunciar, outra vez máis, as descargas de carbón a ceo aberto, sen medidas de seguridade e en días con fortes refachos de vento. Unha vez máis, veciños e veciñas dos Castros padecen as consecuencias desa actividade industrial tan nociva, nalgúns casos tiveron que acudir a urxencias no CHUAC.
Hai unhas semanas, con motivo doutra descarga, esta AAVV mantivo unha reunión coa Autoridade Portuaria. Outra vez máis volveron escusarse dicindo que fora unha cousa puntual pero que non se repetiría, aseguraron que o 100% das descargas de carbón se facían por circuíto pechado ata a medusa. É evidente que iso non é así, e o peor é que o carbón queda amoreado no peirao, afectando a toda a veciñanza do barrio.
É incomprensible que as autoridades permitan que esa actividade afecte á saúde dos veciños e veciñas, é inaceptable que non movan un dedo para que a Autoridade Portuaria faga as descargas coas medidas de seguridade axeitadas. O comportamento da propia Autoridade Portuaria, poñendo os intereses económicos por riba da saúde, debe ser sancionado, tanto o Concello como a Xunta deberan estar vixiantes e sancionar cada vez que sucede algo así.

Non nos queda outra que seguir denunciando, mobilizarnos e volver a dar a batalla. Cando o que prima é o negocio e o enriquecemento duns poucos a costa da saúde de todos, cando as autoridades miran para outro lado, teremos que ser os propios veciños e veciñas as que deamos a cara.,