Vostede está aquí

Obras da Mariña

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos facer público o noso apoio e a nosa adhesión á Plataforma “NON ás obras da Mariña”. Na nosa opinión son unhas obras totalmente innecesarias e que supoñen enterrar unha morea de millóns de euros, non é aceptable que mentres se recorta en partidas para educación, para atención domiciliaria de persoas dependentes ou en loitar contra o paro, se dilapiden os cartos públicos desta maneira.
Nada xustifica unhas obras que buscan un modelo de cidade insostíbel, contaminante e pensado para os coches particulares. Temos expresado en moitas ocasións o modelo de cidade que necesitamos os veciños e veciñas, unha cidade pensada para as persoas, que prime os desprazamentos a pé ou en bicicleta, que aposte polo trasporte público e que conte con espazos verdes e equipamentos en tódolos barrios.
Vemos con indignación como se enterran cartos a moreas nun túnel innecesario, como se está a favorecer o negocio duns poucos contra os intereses da maioría social. Dende o noso colectivo temos denunciado moitas eivas e carencias do noso barrio e a resposta do Concello adoita ser que non hai recursos suficientes, unha mentira de tamaño descomunal pois vemos como dilapidan os cartos nunhas obras absurdas coma esta.
O noso colectivo defende un outro modelo de cidade, que aposte polos barrios e pola calidade de vida das persoas. Esiximos do Concello que destine os recursos públicos para loitar contra o paro, para a protección social, especialmente das persoas en risco de exclusión social, para evitar os despexos, para axudar ao pequeno comercio...
Hai moito onde investir pois son moitas as carencias que temos denunciado, o noso colectivo súmase a esta reivindicación e estaremos na manifestación  do vindeiro sábado 10 de maio.