Vostede está aquí

O engano e a manipulación nunca son a solución.


Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, ante as declaracións de membros do goberno municipal indicando que os veciños e veciñas, e a nosa asociación, estamos en contra de que se reforme a rúa da Gaiteira, queremos deixar ben claro o seguinte:


Hai anos que dende a nosa asociación se está a demandar unha reforma integral da rúa da Gaiteira, é mentira que non queiramos a reforma. O que non queremos é unha reforma que empeore a rúa, entendemos que enchela de obstáculos e partila pola metade é un despropósito e empeora o que agora temos.


As obras teñen que servir para mellorar a calidade de vida no barrio e para revitalizar o comercio local e a hostalaría, esta reforma, tal e como se ten proxectado, vai na dirección contraria.


Demandamos que a instalación de mobiliario urbano sexa racional, de xeito semellante a como está distribuído agora. Esiximos tamén que non se dilapiden os cartos innecesariamente, se o mobiliario que hai agora está en bo estado é unha inmoralidade gastar os cartos para substituílo. A quén se está beneficiando?


A duración das obras non pode ser de case un ano, sería a ruína para boa parte do comercio local e un grave prexuízo para toda a veciñanza. Hai que esixirlle á empresa que acometa as obras en moito menos tempo.


Xa lle temos dito en moitas ocasións ao goberno municipal que estamos dispostos a falar e aportar as nosas opinións para facer as cousas de maneira que beneficien a todo o barrio. Botar man do engano e da manipulación, atacando á veciñanza e á nosa asociación, non traerá ningunha solución.