Vostede está aquí

NOTA DE PRENSA SOBRE A RÍA DO BURGO

Dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos expresar, unha vez máis, que os veciños e veciñas do barrio estamos fartos de que nos tomen o pelo a conta da ría do Burgo. As administracións permitiron, e incluso ocasionaron, que a contaminación chegase ao punto no que está hoxe en día, permitiron que unha ría que creaba máis de 3000 postos de traballo se convertese nun vertedoiro de lodos e augas fecais, destruíndo postos de traballo e deteriorando de xeito salvaxe un patrimonio natural que é de todos.
A realidade é así, non se pode ocultar por moita propaganda que nos queiran vender. A realidade tamén di que os orzamentos do Estado para o vindeiro ano non destinarán un só euro na súa rexeneración, a pesar do informe contundente da Comisión Europea. Deste xeito continuará a degradarse aínda máis o estado da ría, continuarán desaparecendo postos de traballo e seguiremos destruíndo o noso medio natural.
Por todo isto, as veciñas e veciños estamos fartos de que pase o tempo e todas as administracións sigan sen facer nada. Fartos de que nos tomen por parvos facendo declaracións que non teñen nada que ver coa realidade. Fartos de ter que aturar uns gobernantes incompetentes e mentireiros que só buscan a propaganda para tratar de enganarnos. Fartos de mentiras, promesas, manipulacións, enganos... Pero tamén temos que dicir que este colectivo veciñal non pechará a boca, seguiremos loitando pola rexeneración da ría do Burgo e seguiremos denunciando ás administracións cando actúan deste xeito.