Vostede está aquí

Nota de Prensa

Charla sobre a saúde ambiental no barrio.
A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros mantén a batalla contra as descargas de carbón e outros graneis que envelenan o barrio dende hai moitos anos, non imos parar ata que a actividade portuaria se faga como é debido, e se remate dunha vez cunhas descargas que, moitas veces no ano, provocan unha mala calidade do aire no barrio, afectando gravemente á saúde das persoas.
Imos seguir denunciando a actitude das administracións que se poñen do lado das empresas e entidades privadas, ollando cara outro lado cada vez que sobrepasan os niveis permitidos de liberación de substancias ao aire. Témolo denunciado moitas veces e seguiremos a facelo, a veciñanza así nolo esixe e nós temos a obriga que facelo público.
O vindeiro mércores 17 de xullo faremos unha charla no Forum Metropolitano ás 19 horas para falar destas cuestións, analizando cal é a situación actual da calidade do aire no barrio, os causantes desta situación e o que se debería facer por parte das autoridades para defender á cidadanía. Esta é unha loita que vén do moi atrás e non pararemos ata que se busquen solucións e se sancione a quen contamina poñendo en perigo a saúde das veciñas e veciños.