Vostede está aquí

Nota de prensa

A reforma da Gaiteira
Desde a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros non nos cansamos de criticar a maneira de facer a reforma da Gaiteira, é un despropósito prolongar as obras case un ano e coller o verán enteiro, a día de hoxe podemos ver como case toda a rúa está en obras afectando a practicamente todos os comercios da rúa. Aquelo que nos dixeron que se faría por tramos para afectar o menos posible non se cumpre e calquera que pase estes días pola rúa pode comprobalo.
Tamén temos criticado a falta de transparencia no orzamento e na concesión das obras, hai uns días tivemos acceso ao documento completo coa memoria de calidades e algunhas cousas deben ser coñecidas pola cidadanía pola burla que supoñen. Temos dito moitas veces que o mobiliario da rúa estaba en perfecto estado, romperon as farolas cando se retiraron, esnaquizando un mobiliario que estaba en moi boas condicións, hoxe podemos saber cando nos vai custar esta dilapidación de cartos.
Farolas que custan máis de 7.500 euros, bancos que custan máis de 1.000 euros e macetas que superan os 1.800 euros, prezos unitarios aos que hai que engadir o IVE (21%). Parécenos unha tomadura de pelo que un goberno que reduce as partidas para a atención a domicilio, para educación ou para as políticas de emprego; un goberno que nos sube o IBI, o bus ou a auga, poida dilapidar os cartos da veciñanza desta maneira.
O noso colectivo esixe transparencia, queremos que expliquen a quen se lle compra este material, calquera persoa do barrio poda comprobar  quen está distribuíndo material na obra. Queremos saber por que se dilapidan desta maneira  cos cartos que saen dos nosos impostos, temos dereito a coñecer como se gasta cada euro que pagamos.