Vostede está aquí

NOTA DE PRENSA

Envelenar o barrio sen que ninguén actúe.
Nos últimos días as descargas volveron superar os límites de 50 ug/m3 (PM10), tal e como recollen os propios medidores de partículas da Autoridade Portuaria e tal e como comproban os veciños cada vez que se fan as descargas desta maneira, pois moitos padecen crises respiratorias ou alérxicas que nalgúns casos acaban en ingresos hospitalarios.
Dende a Asociación Veciñal levamos moito tempo denunciando esta situación e vendo como o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia actúan como cómplices deste envelenamento masivo, teñen datos para comprobar a contaminación ambiental e saben quen é o causante mais prefiren mirar para outro lado. O noso colectivo manterá a loita e acudirá a onde sexa preciso para que se fagan as descargas como se debe, tomando as medidas preventivas que fagan falta.
Por moito que a Autoridade Portuaria pretenda enganar á cidadanía os datos están aí, os problemas de saúde, as crises alérxicas e respiratorias tamén. Ter que acudir a urxencias ou mesmo ter un ingreso é un grave problema que están a padecer algúns veciños. A propia Unión Europea ten recoñecido que esta contaminación ambiental provoca moitas mortes, son datos corroborados de estudos feitos en moitos países que non admiten discusión.
Para nós é unha burla que a Autoridade Portuaria diga que a media diaria non supera os límites, o que moitas veces non é certo, eles disparan as emisións durante o tempo que duran as descargas e, se logo baixa a media, é por ter unha contaminación baixa se non tivésemos en conta a que provocan as descargas. O certo é que disparan os niveis e se non fose pola neglixente actuación da Autoridade Portuaria o aire da Coruña sería moito máis limpo.
Axuntamos gráficos dos últimos 12 meses (con moitas superacións de 50ug/m3) e dos últimos días onde se chega a 139ug/m3.