Vostede está aquí

Nota de prensa

A ESPECULACIÓN INMOBILIARIA AMEAZA O EDIFICIO MODERNISTA NA AVENIDA DE OZA

A Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros denuncia a pasividade das autoridades ante o incumprimento da propietaria do inmoble, a empresa construtora CINUR, aos requirimentos da Área de Urbanismo.
O pasado mes de xullo, ante as queixas de numerosos veciños do barrio que veñen observando dende fai anos, pero en especial nos últimos meses, o deterioro dun edificio singular da Avenida Oza, un representante da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros acudiu á sección de Ruínas da Concellería de Urbanismo do Concello da Coruña para informarse sobre o estado real do inmoble sito no nº 152 da devandita avenida.
O edificio é unha construción de estilo modernista, que consta como protexido no Plan Xeral de Ordenación Municipal. O proceso de deterioro do inmoble, segundo consta na documentación que lle proporcionou o Concello a nosa asociación veciñal, deu comezo no ano 2001, data do primeiro informe dos técnicos municipais sobre as deficiencias da conservación do edificio, pero é a partir da adquisición do devandito inmoble e da finca adxacente, onde se leva a cabo a construción do edificio Langosteira, por parte da empresa CINUR CONSULTORES URBANÍSTICOS E INMOBILIARIOS, cando a situación de abandono se fai máis evidente.
Segundo se desprende do expediente municipal, xa no ano 2006 os técnicos do Concello emitiron un informe sobre a situación de deterioro do edificio, no que se poñía de manifesto a existencia de humidades, desprendementos dalgunhas zonas do teito e a entrada de auga en diferentes partes do inmoble. Nada que non se puidera ter arranxado naquel momento, a empresa teríase comprometido a arranxar estes desperfectos pero no ano 2007, ou sexa, un ano máis tarde, a situación é peor e o Concello fai constar que CINUR endexamais chegou a solicitar a licencia para rehabilitar o inmoble e que polo tanto, non arranxou os desperfectos.
A partir de entón, sucédense de xeito reiterativo os informes municipais e os expedientes de deficiencias coas correspondentes advertencias a CINUR de que, no caso de non realizar os traballos de rehabilitación, lle sería imposta á empresa a multa correspondente. Nun informe posterior do ano 2009 consta que a empresa limitouse a apuntalar determinadas partes do edificio, o que a todas luces non constitúe unha rehabilitación e que, ademais, demoleu unha parte do edificio protexido e a consecuencia disto, practicáronse ocos no inmoble.
A todo isto compre engadir a difícil situación que viviu a inquilina do baixo, propietaria da tenda de modas Isabel Alta Costura, situada nos baixos do edificio protexido, quen denunciaría a CINUR pola demolición ilegal de parte do mesmo así como pola continua entrada de auga no seu local. Desta situación faríase eco o Valedor do Pobo, persoándose como parte interesada e instando ao Concello xa no ano 2008 a que se procedese a aprobar a orde de execución das obras de mantemento e conservación que a día de hoxe aínda son viables técnica e economicamente.
No 2010, coa avenida de Oza en pleno proceso de transformación, unha construtora solicita a declaración de ruína económica, que non física, para poder derrubar unha parte do patrimonio e da historia de todos os coruñeses.
Nos últimos meses a cousa foi moito a peor, a porta de entrada ten estado aberta e sen protección de ningún tipo, co perigo que iso pode ocasionar na veciñanza. É máis que evidente que a estratexia da empresa propietaria do edificio é que se veña abaixo para poder especular co solar, tamén está clara a complicidade das administracións con competencias na materia, deixando que este patrimonio do barrio vaia caendo ata desaparecer.
Dende a nosa asociación denunciamos, unha vez máis, o estado de deterioro do inmoble e a deixación de función das administracións publicas, e esiximos que se adopten as medidas oportunas por parte do concello da Coruña para evitar a perda de dito patrimonio histórico do noso barrio.