Vostede está aquí

NOTA DE PRENSA


Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, ante as declaracións feitas nun medio de comunicación do Sr. Julio florez ao respecto da mediana da Avenida de Oza, onde volve teimar coa eliminación da mesma, mais outra vez sen argumentar os motivos reais para tirar cos cartos de todos desta maneira, seguimos a Reclamar o seguinte:

  • Se existe un informe detallado dos problemas de seguridade que se faga público, non nos parecen cribles os problemas de seguridade argumentados polo SR. Julio Florez‬, pois xa ten cambiado de criterio en varias ocasións. Que se estuden os problemas puntuais portal a portal, de seguro que hai moitas outras posibilidades antes que retirar toda a mediana.‬
  • Dende esta asociación, ao igual que moitos veciños e veciñas do barrio, vemos a obra como un auténtico despilfarro, non entendemos que coa que está caendo, con recortes que afectan gravemente á calidade de vida das persoas, se poidan dilapidar cartos desa maneira. Así quedou tamén de manifesto nunha enquisa dun medio de comunicación desta cidade.‬
  • Os problemas puntuais que poden aparecer deben ser solucionados un a un, co menor gasto posible. Dese xeito, para mellorar o tráfico nas paradas dos buses, pódese mover ou retranquear as paradas para que o resto dos vehículos poidan esquivar o bus cando está parado, sen ter que desfacer toda a obra.‬
  • Non entendemos que os problemas se dean exclusivamente na Avenida de Oza, pois en moitos outros puntos da cidade tampouco pode acceder o camión máis grande dos bombeiros. En calquera caso haberá que adaptar as medidas de seguridade á cidade e non ao revés.‬
  • Para a inmensa maioría dos veciños e veciñas, a reforma da Avenida de Oza mellorou moito o entorno, con beirarrúas máis anchas e un corredor verde que humaniza toda a zona, revitalizando o barrio e o comercio local, mellorando a calidade de vida da veciñanza.‬
  • Nun informe que acaba de publicar Adega, recóllese que na cidade da Coruña téñense superado en moitas ocasións os niveis que a OMS establece como límite recomendado para a concentración de partículas no ar. Unha parte moi importarte son as que deitan os fumes dos vehículos mais podemos ver como a política deste goberno municipal pasa por meter cada día máis coches na cidade, ao contrario do que acontece noutras cidades europeas. Deseñan a cidade para os coches e non para as persoas, o que é un erro dende calquera punto de vista: ambiental, económico ou social.
En calquera caso e como xe temos expresado en anteriores ocasións, o que cómpre e contar coa opinión dos veciños e veciñas, cos colectivos e entidades do barrio e non facer as cousas sen contar con ninguén e en contra da opinión da maioría.

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, comprometidos coa defensa dos dereitos dos veciños e veciñas, co traballo a prol de mellorar a calidade de vida de todos e todas, defenderemos onde sexa necesario que non se tiren os cartos desta maneira mentres a cidadanía está a padecer os recortes que nos aplican.