Vostede está aquí

NOTA ACLARATORIA

Dende a  asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos puntualizar unha serie de cuestións que están aparecendo estes días en varios medios de comunicación en relación ao acontecido na última Asemblea Xeral da Federación de AAVV, en particular algunhas declaracións feitas pola súa Presidenta.
En algún medio a presidenta indica que o noso colectivo é moi crítico co actual goberno municipal. Esta Asociación leva dende os anos 70 exercendo a crítica e actuando de xeito reivindicativo na defensa dos intereses dos veciños e veciñas, así foi sempre, goberne quen goberne, e así entendemos nós que debe actuar un colectivo veciñal.
A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros busca a unidade de acción sempre que teña como obxectivo a defensa dos intereses dos barrios, a unidade para non facer nada é o peor que nos pode pasar, nese caso é preferible que cada quen intente dar a batalla pola defensa dos intereses dos veciños e veciñas como mellor poida. É o que levamos facendo corenta anos.
Asómbranos que a Directiva da Federación queira tratar o vindeiro luns o abandono do noso colectivo cando en ningún momento dixemos que o noso colectivo se dera de baixa da Federación e estamos ao día no pago das cotas. Semella que non saben aceptar a crítica e buscan algún tipo de represalia pola nosa posición na Asemblea Xeral do pasado venres.
Aínda non escoitamos ningunha explicación á votación na Asemblea Xeral do venres para vetar a outro colectivo (Fronte Cívico) ou para negarlle a palabra e o voto a Novo Mesoiro, comportamentos totalmente antidemocráticos dende o noso punto de vista e que provocaron que abandonásemos a reunión.
Non podemos deixar de mencionar as escusas que pon a Presidenta da Federación cando lle reprochamos que non se defenda ao barrio diante dunhas descargas de carbón que están envelenado toda a cidade. A loita do carbón vén de lonxe e a Federación está ausente neste grave problema, o que se dixo na Asemblea non cadra co que aparece nos medios de comunicación. Se a Federación ten asento no Foro Ambiental do Porto da Coruña terá que usalo para defender á veciñanza e se pasa un tempo sen convocarse o Foro esixir a súa convocatoria.
A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros non vai asumir unha actitude compracente e sumisa nestes tempos de grave crise económica e social, estaremos na rúa defendendo os intereses dos veciños e veciñas e traballaremos para construír ferramentas que nos sexan útiles para este cometido.