Vostede está aquí

A nosa asociación Informa

O incendio nun piso da Avda de Oza dános a razón á AAVV Oza Gaiteira Os Castros
O pequeno incendio que días atrás se produciu nun terceiro piso do número 46 da avenida de Oza, confirma o que sempre dixemos dende a AAVV, elementos como a mediana non impiden que o camión dos bombeiros actúe con total operatividade.
Na reunión que mantivemos con técnicos e concelleiros, ata en tres ocasións pedimos que se nos negase ou confirmase que a mediana impide despregar os estabilizadores do camión para poder asentarse. Nas tres ocasións obtivemos a calada por resposta o que dende o noso entendemento indica que, igual que pasa coa beirarrúa, o camión pode tamén apoiarse na mediana para asentar os estabilizadores.
As fotos publicadas nos medios de comunicación, onde se ve con claridade como os estabilizadores poden salvar a altura da beirarrúa (como marca na imaxe), mostran que igualmente poderían salvar a altura da mediana. Como moito habería que rebaixar dita altura e deixar unha mediana como a que teñen na avenida da Mariña, mais en ningún caso sería preciso desfacer o corredor verde a arrincar todas as árbores.
É evidente que a escusa da seguridade para tirar os cartos desfacendo a mediana pretende agochar os verdadeiros motivos para esta desfeita. Darlle a obra a unha empresa que nunca antes traballara para o Concello sen a transparencia que estes procesos deben ter é unha mostra de como actúa este goberno, aínda non sabemos cantos cartos se acabarán tirando nesta aberración.
O que están a facer e gastar os cartos que nos negan para outros servizos e apostar por un modelo de cidade fracasado, que incrementa a contaminación, o ruído, a dobre fila e os atascos. Como dixemos sempre, dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos un barrio e unha cidade pensada para as persoas.