Vostede está aquí

A nosa Asociación apoia aos traballadores/as e pais e nais da Escola Infantís

Dende a AAVV Oza – Gaiteira – Os Castros queremos mostrar publicamente o noso apoio ás familias que están a protestar polo recorte na merenda das nenas e nenos da escola infantil de Eirís. Non podemos entender como a Xunta de Galiza pode tomar unha medida deste tipo, antepoñendo unha cuestión económica –miserenta pois as cantidades das que falamos son ridículas- por riba de criterios educativos e de saúde.
Os recortes en educación, e en saúde como é neste caso, adoitan saír caros a medio e longo prazo. A escola debe procurar educar naquelas cuestións que nos permitan unha mellor calidade de vida e os hábitos alimenticios son unha parte fundamental. Repítese en moitas ocasións que temos un grave problema coa alimentación dos máis pequenos, cunha elevada taxa de obesidade infantil polo que cómpre traballar ese aspecto da nosa vida, e darlle a importancia que merece.
Dende esta asociación criticamos que, outra vez máis, os recortes caian sempre do mesmo lado. Neste caso sobre un colectivo moi vulnerable e no que temos que poñer todo o investimento necesario pois estamos formando os adultos do futuro e polo tanto a sociedade dos vindeiros anos.