Vostede está aquí

A nosa asociación ante o plan murallas do concello

Dende a nosa asociación veciñal, ante o estado de deterioro que presentan o antigo faro e as murallas da praia de Oza, instamos ao concello da Coruña a que actúe e tome medidas para a súa conservación e rehabilitación. Tempo atrás xa nos temos dirixido ao Concello para que o faro de Oza se converta nunha aula do mar, para conservar toda a cultura mariñeira que atesoura esta cidade, e nomeadamente este barrio.
O faro foi construído en 1917 e deixou de usarse en 1963 debido a que a construción do dique de abrigo fixo que este faro perdese a súa funcionalidade, polo que foi necesario instalar outro faro en punta Fieiteira, entre Santa Cristina e Bastiagueiro
Tras a construción da praia artificial de Oza nos anos noventa, o faro áchase situado ao carón do paseo marítimo polo que se accede a ese areal, un acceso privilexiado que facilitaría o uso desa instalación como aula do mar.
Ao estar en período de alegacións o plan director das murallas, cuxo obxectivo é preservar o patrimonio da cidade, dende a nosa asociación veciñal, unha vez máis esiximos que se inclúan as murallas da praia de Oza e o seu faro. Tamén deben engadirse a fortaleza de Valparaíso en Eirís e a casa do Concello de Oza na rúa Montes.
Pedimos que se fagan actuacións de limpeza, de iluminación e  protección das murallas e do faro de Oza, así como iniciar as actuacións precisas para conservar e restaurar todo o patrimonio que existe no barrio e que está nun estado lamentable, debido á falta de actuación das autoridades competentes.