Vostede está aquí

Mediana de Avenida de OZA



Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, observando con preocupación como se volve falar da posibilidade de eliminar a mediana da Avenida de Oza e queremos expresar o seguinte:
·         Moitos veciños e veciñas ven a obra como un auténtico despilfarro, non entenden que coa que está caendo, con recortes que afectan gravemente á calidade de vida das persoas, se poidan dilapidar cartos desa maneira. Así quedou tamén de manifesto nunha enquisa dun medio de comunicación desta cidade.
·         Non semella crible a escusa da seguridade. Dende esta AAVV xa expresamos que se existe un informe detallado dos problemas de seguridade que se faga público, que se estuden os problemas puntuais portal a portal pois de seguro que hai moitas outras posibilidades antes que retirar toda a mediana.
·         Os problemas puntuais que poden aparecer deben ser solucionados un a un, co menor gasto posible. Dese xeito, para mellorar o tráfico nas paradas dos buses, pódese mover ou retranquear as paradas para que o resto dos vehículos poidan esquivar o bus cando está parado, sen ter que desfacer toda a obra.
·         Non entendemos que os problemas se dean exclusivamente na Avenida de Oza, pois en moitos outros puntos da cidade tampouco pode acceder o camión máis grande dos bombeiros. En calquera caso haberá que adaptar as medidas de seguridade á cidade e non ao revés.
·         Para a inmensa maioría dos veciños e veciñas, a reforma da Avenida de Oza mellorou moito o entorno, con beirarrúas máis anchas e un corredor verde que humaniza toda a zona, revitalizando o barrio e o comercio local, mellorando a calidade de vida da veciñanza.
En calquera caso e como xe temos expresado en anteriores ocasións, o que cómpre e contar coa opinión dos veciños e veciñas, cos colectivos e entidades do barrio e non facer as cousas sen contar con ninguén e en contra da opinión da maioría.