Vostede está aquí

Manter a mediana e mellorar a avenida de Oza

Na campaña de información que levamos a cabo a AAVV Oza Gaiteira Os Castros, comentando coa veciñanza o despilfarro e o empeoramento para o barrio que supón a retirada da mediana na avenida de Oza, puidemos comprobar como a maioría das persoas están en contra desta desfeita, tamén escoitamos propostas que nos parecen moi interesantes e que recollemos neste escrito.
A mellora na calidade de vida e no comercio local que supuxo a reforma da avenida de Oza é evidente, case ninguén o discute, aínda así hai actuacións que mellorarían a zona. Tendo rúas alternativas como a rolda de Outeiro e a avenida do Exército, o tráfico pesado debería prohibirse na avenida de Oza, os camións que non fagan reparto na propia rúa deben desviarse, mellorando deste xeito o tráfico e reducindo o ruído e a contaminación ambiental.
O mesmo pasa cos autobuses interurbanos que poden entrar na cidade polas rúas antes mencionadas, na rolda de Outeiro poden poñerse as paradas tanto de entrada como de saída, reducindo tamén de xeito importarte o tráfico na avenida de Oza, sen prexudicar ao transporte colectivo tan necesario nesta cidade.
As paradas dos buses urbanos poden desprazarse uns metros e deixar espazo para que o resto de vehículos poidan circular pola rúa mentres están parados os buses. Tamén habería que desprazar a parada que está enriba da ponte sobre a rúa río Monelos pois xera moito ruído tal e como está posta agora.
Estamos a tempo de salvar a mediana que existe entre Ramón y Cajal e a rolda de Outeiro, con pequenas actuacións que supoñen pouco investimento pode mellorarse a rúa e manter a zona verde sen arrincar máis árbores. Nestes tempos de crise, que afecta moi gravemente ao comercio local, estas actuacións poden ser un apoio importante para o pequeno comercio da zona.
É evidente que cando a veciñanza dispón de rúas pouco transitadas e agradables para o paseo, o pequeno comercio e a hostalaría teñen máis posibilidades. Na Gaiteira – Os Castros queremos ter as mesmas oportunidades que os barrios do centro, non queremos ser barrios periféricos que só soportan o tráfico e a contaminación. Temos dereito a unha calidade de vida como é debido e por ese dereito traballará esta asociación.