Vostede está aquí

Leiras Urbanas

Neste época de crise económica e social, con recortes que afectan claramente á nosa calidade de vida, fanse máis necesarios que nunca proxectos para a recuperación do espazo urbano, para mellorar a convivencia e para tecer redes sociais de resistencia e colaboración.

As leiras urbanas son instrumentos que responden a estes requirimentos, axudan no peche dos ciclos do metabolismo urbano, proporcionan unha mellor calidade de vida, póñennos en contacto coa natureza e cun xeito de cultivo respectuoso co medio ambiente.
As hortas de ocio ou leiras urbanas son parcelas para o cultivo, en terreos das administracións ou cedidos por particulares, xestionados na maioría dos casos polo mesmos concellos ou colectivos de cidadáns, mediante a cesión temporal para o seu uso.

Permiten a recuperación de  espazos urbanos, a educación ambiental e a creación de espazos de  socialización. En moitos casos están destinados a un segmento  concreto da poboación como  xubilados, desempregados, nenos, ou a persoas en risco de exclusión social.

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros instamos ao Concello a poñer en marcha proxectos destas características, polos enormes beneficios que aportan aos barrios onde se instalan. No noso barrio temos varias zonas que se poden aproveitar para este uso. Son medidas que precisan pouco orzamento e conseguen un gran beneficio para o barrio e a cidade, son proxectos que acaen perfectamente para a época que estamos a vivir.