Vostede está aquí

Faro de Oza – pola recuperación do noso patrimonio.



Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros dirixímonos ao Concello para que remate co deterioro que padece o faro de Oza, acordando con quen sexa preciso -outras administracións ou a autoridade portuaria- os pasos que se deben dar para a súa recuperación. Non é de recibo que un dos símbolos da nosa cultura estea esquecido e en estado de abandono, sen que ningunha administración se preocupe.

Manter o patrimonio e a cultura dun pobo é labor de todos, os gobernos están obrigados a manter e mellorar o patrimonio que a todos e todas nos pertence. Neste caso estamos a falar da cultura mariñeira, que nos define e nos marca aos galegos e galegas, tanto pola nosa historia como pola importancia económica deste sector, non podemos deixar esmorecer un faro coma este, nin ter esa instalación baleira e sen uso.

Dende a AAVV esiximos das administracións competentes que poñan fin a esta situación, recuperando e pondo en valor esa instalación. No faro pódese habilitar unha “aula do mar” para que todos, nenos e maiores, coñezan e recoñezan toda a cultura mariñeira que temos nesta cidade. Este tipo de actuacións permite recuperar o patrimonio cultural, investir en educación e dar traballo, dende a AAVV entendemos que estas son as actuacións que se precisan nesta época de crise e non dilapidar os cartos desfacendo o que outros teñen feito.