Vostede está aquí

AS DUBIDAS SOBRE A REFORMA DA GAITEIRA

  NOTA DE PRENSA CON ROGO DE DIFUSIÓN
Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros levamos tempo reclamando unha reforma integral da rúa peonil da Gaiteira, para rematar dunha vez coas chapuzas que se teñen feito, demandamos unha reforma que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas e potencie o comercio local. Ante o anuncio do concello dun plan de remodelación para a rúa, a nosa asociación quere manifestar o seguinte:
·         A única documentación que se nos entregou limítase a unha páxina na que aparece un boceto do que supoñemos será o proxecto, non lle podemos chamar nin plano nin proxecto pois non ten escala, está mal acotado e non aparece o nome do proxectista, por riba contén numerosas incongruencias nos datos que recolle, tanto nas seccións como nos alzados.
·         Nada sabemos do orzamento presupostado para a obra, máis aló do que se fixo público -que andaría polo millón de euros- non coñecemos como se distribúe ese gasto nin a que corresponde a partida completa, nos tempos que corren é absolutamente obrigado detallar un gasto importante coma este.
·         Non se explican os motivos polos que as obras durarán case un ano, co prexuízo que ocasionará na veciñanza, no comercio local e a hostalaría da rúa. É evidente que o arranxo se ten que facer por tramos, non hai outra maneira, pero iso non xustifica un tempo de execución tan elevado.
·         Non entendemos como se pode defender que é preciso levantar toda a mediana da avenida de Oza e sorprendentemente se crea unha mediana, con árbores, farolas e bancos, na rúa da Gaiteira. Unha rúa moito máis estreita e na que se asentan numerosas terrazas. Semella unha tomadura de pelo á intelixencia de calquera, como é posible que todo este mobiliario, que de feito crea unha mediana, non sexa inconveniente para a seguridade cando na rúa paralela si o é.
·         En relación á avenida de Oza, temos que lembrar que seguimos esperando o informe técnico que seica avala a despilfarro anunciado para eliminar a mediana. Fainos supoñer, outra vez máis, que non existe ese informe ou que os datos do propio documento non xustifican o gasto en desfacer o que agora hai feito.


Por todo o anterior, dende a nosa Asociación pedimos que se faga publico o proxecto completo, dando tempo a toda a veciñanza a revisalo e presentar alegacións, se as obras non comezarían ate o ano 2013 hai tempo abondo. Sobre as obras na rúa da Gaiteira quédannos moitas dúbidas, unha vez máis podemos estar diante dunha campaña de propaganda sen nada debaixo, o documento entregado non é máis que un pequeno esquema pero nin de lonxe podemos estar falando dun proxecto.