Vostede está aquí

As descargas no porto seguen a envelenar o barrio

As descargas no porto seguen a envelenar o barrio

Veciñanza dos Castros está achegando fotos á nosa asociación que confirman que o xeito de realizar as descargas, en días ventados coma os desta semana, provocan novamente problemas de saúde a moitos veciños e veciñas.
Hai días que recibimos queixas da veciñanza polas molestias que a contaminación por partículas está a causar na saúde das persoas, especialmente aquelas que teñen alerxias ou enfermidades respiratorias coma asma que se ven obrigadas a acudir ás urxencias do CHUAC.
Agora están achegándonos fotos que confirman que a alta contaminación no aire está provocado polo xeito en que se están a facer as descargas, incumprindo claramente o protocolo de actuación que a propia autoridade portuaria ten establecido para realizar as descargas e amoreando o material – carbón e cereal – ao aire libre no peirao o que provoca masivas liberacións de partículas ao aire.
Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros denunciaremos esta contaminación todas as veces que faga falla, a saúde dos veciños e veciñas do barrio está en xogo, e poremos en evidencia a complicidade das administracións que prefiren mirar para outro lado mentres a autoridade portuaria antepón os intereses económicos á saúde das persoas.
O protocolo de actuación indica como deben facerse as descargas para evitar a liberación de partículas no ar, indica tamén cando hai que parar as descargas se o vento supera unha certa velocidade, pensamos que se está a incumprir claramente. Ademais volve amorearse o material ao aire libre co que supón para a contaminación dos Castros.
Polas reunións que temos mantido coa autoridade portuaria, non temos ningunha confianza en que poñan as medidas necesarias para evitar esta situación,  e parécenos escandaloso que as autoridades que deben defender os intereses dos veciños e veciñas, e velar pola súa saúde, non fagan nada por evitar toda esta contaminación.

Axuntamos algunha das fotografias aportadas pola veciñanza.