Vostede está aquí

Descargas no porto da Coruña



Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos a obriga de denunciar, outra vez máis, as descargas de graneis sólidos no porto da Coruña. Hoxe 9 de marzo estamos a recibir queixas por parte dos veciños por mor dunha descarga que provoca unha enorme nube de partículas sobre o porto e que acaba afectando a todo o barrio dos Castros.

Ante as continuas queixas dos veciños e veciñas a nosa Asociación solicitou unha entrevista coa Presidencia da Autoridade portuaria para falar deste grave problema e sobre as medidas que habería que tomar para darlle solución, non recibimos resposta algunha.

É inaceptable que se sigan a permitir as descargas deste tipo nun porto urbano coma o da Coruña, noutros portos do Estado fanse as descargas de xeito que se evitan as emisións de partículas que logo quedan en suspensión, afectando a toda a poboación que vive nos seus arredores. Xa se ten denunciado en numerosas ocasións as graves incidencias que ocasionan na saúde das persoas, especialmente aquelas que padecen alerxias, asma ou calquera outra enfermidade respiratoria.

Temos que rematar dunha vez por todas con este tipo de descargas, obrigando ás administracións con competencia na materia a que vixíe nesta actividade. Non pararemos ata que as descargas se realicen nun circuíto pechado, para minimizar o seu impacto na contorna do porto, especialmente no que atinxe á saúde dos veciños e veciñas. É unha loita que vén de lonxe e que esta Asociación non deixará mentres o problema persista.