Vostede está aquí

denunciamos o lamentable estado de varias instalacións deportivas

Hai uns meses denunciamos o lamentable estado de varias instalacións deportivas do noso barrio, instalacións abertas e situadas en parques públicos que permiten a práctica do deporte a calquera hora do día. A falta de mantemento destas instalacións provoca que o seu uso sexa case imposible ou que se poña en perigo a integridade das persoas que usan estas canchas.
Nunha nota anterior indicabamos que a cancha de baloncesto do parque Europa estaba inzada de fochancas, que limitaban ou imposibilitaban a práctica deste deporte. O concello tapou algunhas desas fochancas pero a chapuza é de tal calibre que agora a pista está moito peor, sendo incluso perigosa para quen a usa, en ocasións coma esta non facer as cousas como se debe acaba saíndo caro e contraproducente pois lonxe de mellorar agora o chan esta peor.
Tamén denunciamos o estado da pista de futbito do parque de Oza, con reixas rotas ou desprendidas. Neste caso non fixeron nada e agora a situación é moito peor, hai pezas enteiras que están deitadas no chan pois desprendéronse totalmente, outras teñen os ferros saíndo cara fóra co que son un auténtico perigo para os rapaces que fan uso da pista. A que espera o Concello para amañar esta situación?

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros instamos ao Concello a que actúe e arranxe as instalacións para que se poida practicar deporte sen perigo. De nada serve contar con instalacións deportivas se logo non se manteñen como é debido.