Vostede está aquí

Denuncia Publica

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar a situación de moitos solares en estado de abandono así como obras paradas que levan meses ou anos coa licenza de obra caducada. Supoñen en moitos casos un perigo, casas que superan os 30 ou 40 anos en estado de abandono, solares invadidos de maleza e lixo, espazos que poden ser focos de infección e de pragas de ratas.

Estes solares deben estar limpos para evitar molestias e situacións perigosas para a veciñanza, os propietarios teñen a obriga de mantelos en boas condicións e o Concello debe vixiar que así sexa. Outra cousa é a cantidade de casas vellas con carteis de próximas construcións nun mercado sen futuro a curto prazo, casas en moi mal estado e con grande acumulación de lixo.

Tamén hai moitas obras a medio facer que se pararon por mor da crise, coas licenzas caducadas e sen visos de que vaian para adiante, un bo exemplo é o caso da zona do Montiño, hai obras onde se amorean materiais de todo tipo e ás veces acaban converténdose en auténticos vertedoiros.

Moitos deses solares poderían ser utilizados coma leiras urbanas para que as persoas interesadas fixesen uso delas, tamén hai edificacións que se poden recuperar polo seu valor histórico, é o caso do que foi a antiga Casa do Concello de Oza. Hai alternativas abondo, o que cómpre é traballar pensando no benestar das veciñas e veciños e non en alimentar outra burbulla inmobiliaria.