Vostede está aquí

Deficiencias no San Francisco Xavier

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros temos recibido queixas de varias familias polo que está a acontecer no patio do colexio San Fco Xabier. Vai para tres semanas que unha zona do patio apareceu afundida coa lóxica preocupación na comunidade educativa, desprazáronse técnicos do Concello e indicaron que terían que facer un estudo para coñecer a causa do afundimento, ao tempo a Policía Local colocou unha cinta para evitar que se pise esa parte do patio.
Tamén apareceron fendas nunha parte do pavillón deportivo e nunhas escaleiras de saída da parte posterior do colexio ao patio, os técnicos indicaron que non son por mor do afundimento do chan pero a preocupación segue vixente pois aínda non se buscaron as causas dese afundimento.
A cuestión é que aínda non se fixo nada nin hai datas sobre cando se pensa facer e a situación é de perigo permanente para os rapaces pois cada vez que lles vai a pelota tras a cinta non hai nada que lles impida pasar e así o fan. A cinta pode ser útil para os adultos que entendemos que non debemos pasar mais non vale para as crianzas. Tamén hai que lembrar que o colexio segue coa promesa, novamente incumprida, de cubrir unha parte do patio xa que o alumnado non ten onde saír cada vez que chove.
Dende a nosa asociación esiximos do Concello que se tomen todas as medidas necesarias para evitar calquera situación de perigo, e se informe permanentemente a toda a comunidade educativa do estado do patio do colexio.