Vostede está aquí

Cartos publicos pola porta de atrás

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos denunciar o desvío de fondos públicos que fai este goberno municipal para soster economicamente asociacións acabadas de crear. Igual que pasou coas partidas que deberan ir ao pequeno comercio e acabaron nas mans dos amigos do PP, 120.000 € que seica deberan ir para conmemorar o centenario da desaparición do concello de Oza, acabarán de novo nas mans de asociacións acabadas de constituír e que se moven na órbita do PP.
Mentres este goberno recorta partidas destinadas á dependencia, á educación, a asistencia domiciliaria... regala cartos a esgalla a asociacións amigas, que nada teñen que ver co movemento veciñal. As verdadeiras asociacións levamos moitos anos traballando a prol dos veciños e veciñas, actuando de maneira crítica e responsable, poñendo en marcha programas e actividades que melloren a súa calidade de vida; nada temos que ver con estas asociacións que nacen ao amparo do Partido Popular para facerlle traballo político.
É evidente que existe unha estratexia do goberno municipal, que pasa por afogar as asociacións de veciños e veciñas que facemos o noso traballo, que estamos sempre do lado da veciñanza, goberne quen goberne, e que non nos prestamos ao xogo político. Na AAVV Oza Gaiteira Os Castros temos claro cal debe ser o noso papel no barrio, facemos o noso traballo de maneira digna e transparente e seguiremos estando aí sempre que nos precisen os veciños.

Tamén queremos criticar a maneira de tratar o centenario da desaparición do concello de Oza, o que cómpre é recuperar a memoria histórica do barrio. Habería que estudar e facer público o proceso polo cal o concello de Oza foi afogado economicamente ate que foi absorbido polo da Coruña, habería que recuperar todo o patrimonio cultural que se deixou esmorecer ou está a piques de desaparecer. Recuperar e recoñecer a nosa historia é imprescindible para labrarnos un futuro, así o entendemos na AAVV Oza Gaiteira Os Castros.