Vostede está aquí

Apostamos por hortos urbanos

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros  queremos expresar o seguinte:
Dun tempo a esta parte observamos que existe un grande interese pola agricultura en ámbitos urbanos, que coincide cunha maior sensibilidade cara a cuestións relacionadas coa sostenibilidade ambiental e con outros factores sociais, relacionados algúns deles coa crise.
En sintonía con estas dinámicas sociais, dende a nosa asociación queremos impulsar a creación de hortos comunitarios xestionados de xeito participativo, aproveitando os abundantes lugares abandonados, deteriorados ou infrautilizados,  co gran beneficio social e medio ambiental que isto trae aparellado.

Entendemos que sería moi positivo poñer en marcha esta actividade e facelo contando co tecido asociativo que existe na cidade, fomentando a participación de todos os sectores da poboación na recuperación e mantemento dunha agricultura respectuosa co medio a través da creación e mantemento dos hortos urbanos comunitarios, creando ao mesmo tempo unha alternativa cultural e de ocio que fomenta á súa vez a idea de desenvolvemento sostible.

A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros pide a colaboración das administracións para botar a andar estas iniciativas, fomentando o intercambio de experiencias e a creación de mecanismos de apoio mutuo. Trataríase de dinamizar espazos formativos especializados e ofrecerse como punto de axuda e orientación para as persoas e entidades interesadas en poñer en marcha iniciativas similares.