Vostede está aquí

Alumeado no Parque de Oza

Dende a AAVV Oza Gaiteira Os Castros queremos trasladar as queixas de familias do barrio por mor da falta de alumeado no parque de Oza. Moitos nenos e nenas do IES Monelos, ou que fan algunha actividade no seu pavillón, teñen que atravesar o parque ás escuras coa falta de seguridade que iso ocasiona.
Neste tempo, onde antes das sete da tarde xa é noite, non é de recibo ter apagados case todos os farois do parque de Oza, impedindo que a veciñanza faga uso desa zona verde. Podemos entender que non se manteñan os farois prendidos toda a noite pero é inadmisible que non se acendan en todo o día.
Os veciños e veciñas do barrio temos que ver como outras partes da cidade teñen iluminación toda a noite mentres aquí se nos impide facer uso do parque de Oza, unha zona verde estupenda para pasear ou facer deporte que o Concello mantén as escuras case toda a tarde, xusto cando rematamos a xornada laboral e podemos ter ese tempo de lecer para ir ao parque.

Dende a asociación xa enviamos un escrito denunciando esta situación, pero a día de hoxe aínda non tivemos resposta polo que reiteramos de novo esta denuncia.