Vostede está aquí

Por un uso social do Faro de Oza e pola recuperación de toda a contorna

Por un uso social do Faro de Oza e pola recuperación de toda a contorna

Dende a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros acabamos de facer entrega de máis de 500 sinaturas de veciños e veciñas do barrio para esixir un uso social do Faro de Oza. A veciñanza vén de expresar que quere recuperar un patrimonio público para que poida ser usado por todas e todos nós.

Dende o noso colectivo reiteramos, unha vez máis, que o patrimonio público non sexa posto ao servizo do beneficio particular duns poucos. Temos feito unha proposta para converter o Faro de Oza nunha aula da natureza e nun espazo formativo para a confraría da Coruña, queremos que todas e todos poidamos facer uso deste ben público, axudando a preservar a nosa cultura mariñeira.

 

Tamén queremos reiterar a necesidade dunha actuación integrar en toda a contorna para recuperar un patrimonio que hoxe se atopa nun estado lamentable. É preciso que se rehabilite o Faro e as murallas, a capela de Oza e todo o espazo desa zona dun xeito integral, é unha parte fundamental da nosa historia que debe ser recuperada e preservada.

O anuncio de que a Autoridade Portuaria vai investir algo máis de 50.000 € en amañar algo da senda peonil e do carril bici na zona da praia de Oza non é máis que outra chapuza e un parche.

 

Cómpre dispoñer dunha senda peonil que conecte o barrio con esa zona por medio dun paseo agradable e non como se fai agora por unha pasarela e unha corredoira ao carón das vías do tren, o mesmo pasa cos poucos metros dun carril bici que non vai a ningures. Esta zona, tan importante para o barrio, debería contar cun bo acceso peonil e un carril bici que a conecte co barrio.

Dende o noso colectivo levamos tempo reclamando que se poña en valor toda esta zona, con investimentos e cunha actuación integral, é unha vella demanda do barrio pola que seguiremos loitando.